Thursday 25 de April de 2024

O colexio Santiago Apóstol de Narón e o CRA Amencer de Ribadavia gañan a terceira edición do concurso “Pillabot2 de recollida de pilas


— O centro educativo de Ferrolterra estreouse como o mellor na categoría de quilos totais recollidos, con case 5 toneladas, mentres o colexio ourensán venceu por terceiro ano consecutivo en ratio de quilos por alumno, con 62,8 kg por estudante

— O CEIP As Solanas da Guarda, gañador en 2021, acadou esta vez a segunda posición en termos absolutos, e o CEIP de Caión (A Laracha) volveu ser segundo por alumno

— Tamén se fallou o concurso artístico #EuSonPilabot, con cinco alumnas gañadoras do CEIP As Solanas (A Guarda), o CEIP de Outes (Outes), o CPI O Toural (Vilaboa), o IES Carlos Casares (Vigo) e o IES Perdouro (Burela), que recibirán unha tablet

— Esta edición pecha novamente coa superación da barreira das 50 toneladas, grazas ao esforzo realizado polos 36.000 alumnos participantes, que se traduciu na recollida de 53.868 quilos de pilas, acumuladores e baterías usadas

O Colexio Santiago Apóstol de Narón e o CRA Amencer de Ribadavia convertéronse nos gañadores da terceira edición do concurso Pilabot. Este é o fallo do certame anual organizado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración cos xestores de pilas autorizados na Comunidade galega —Ecopilas, ERP e Ecolec—.

Na terceira edición do concurso participaron durante 6 semanas uns 36.000 alumnos dun total de 150 centros de educación primaria e secundaria de toda Galicia. Este ano pechou coa recollida de 53.868 quilogramos pilas, acumuladores e baterías usadas, un dos residuos máis contaminantes que se xeran nos fogares, polo que por segundo ano consecutivo se superou a barreira das 50 toneladas.

Deste total, o CPR Santiago Apóstol de Narón levou o primeiro posto en termos absolutos, ao recoller case 5 toneladas de pilas na súas instalacións —en concreto, 4.749,70 kg—. Pola súa banda, gañador desta categoría o pasado ano, o CEIP Plurilingüe As Solanas-Nicolás Gutiérrez Campo da Guarda, foi segundo, grazas aos 3.287,85 kg recollidos.

Curiosamente, outro centro de Narón, o CEIP de Piñeiros, acabou terceiro, con 2.534,85 kg recollidos, mentres o cuarto posto foi para o CEIP da Cruz de Nigrán, con 2.421 kg.

Respecto da segunda categoría do concurso, que ten por obxectivo destacar o traballo dos centros coas mellores ratios de recollida por alumno, o gañador volveu ser por terceiro ano consecutivo o Centro Rural Agrupado (CRA) Amencer de Ribadavia, con 62,80 kg por estudante, e de novo o segundo premio foi para o CEIP de Caión, da Laracha, cunha media de 49,36 kg por alumno, 3 máis que na anterior edición.

Os catro centros recibirán un premio económico que deberán destinar á compra de material escolar ou deportivo. Concretamente, os primeiros premios de ambas categorías están dotados con 2.500 euros cada un, mentres que os centros que quedaron en segunda posición levarán como recompensa 1.250 euros.

Cinco rapazas premiadas no certame artístico
Unha das novidades da terceira edición foi o novo formato do concurso artístico #EuSonPilabot, dirixido á totalidade do alumnado dos centros participantes.

O xurado tamén acaba de fallar esta proba, na que resultaron gañadoras cinco rapazas —unha por categoría, por cada un dos ciclos das etapas educativas de primaria e secundaria—, tras presentar unha obra artística en formato imaxe (debuxo, fotografía, mosaico, etc.) inspirada na reciclaxe das pilas e orientada aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 da ONU.

As alumnas premiadas cunha tablet son Lucía González Baz, de 2º de primaria do CEIP As Solanas (A Guarda); Gabriela Lourido Lago, de 4º de primaria do CEIP Plurilingüe de Outes; Candela García Rodríguez, de 6º de primaria do CPI O Toural (Vilaboa); Noa Crespo Sayar, de 1º de secundaria do IES Carlos Casares (Vigo); e Shiva Eliska Alinda Nurhakim, de 3º de secundaria do IES Perdouro (Burela).

A continuación detállanse os premiados:

 

CONCURSO PILABOT 2022
Categoría / Premio Centro educativo Premio
Kg recollidos 1º CPR Santiago Apóstol (Narón) 2.500 €
Kg recollidos 2º CEIP Plurilingüe As Solanas-Nicolás Gutiérrez Campo (A Guarda) 1.250€
Ratio kg/alumno 1º CRA Amencer (Ribadavia) 2.500 €
Ratio kg/alumno 2º CEIP Caión (A Coruña) 1.250€
CERTAME ARTÍSTICO #EuSonPilabot
Categoría Alumna / Obra Centro educativo
1. Alumnado de 1º ciclo de educación primaria Lucía González Baz

Se regamos con pilas á natureza as plantas nacen tristes

2º Primaria / CEIP Plurilingüe As Solanas-Nicolás Gutiérrez Campo (A Guarda)
2. Alumnado de 2º ciclo de educación primaria Gabriela Lourido Lago

“Pilamundi”

4º Primaria / CEIP Plurilingüe de Outes
3. Alumnado de 3º ciclo de educación primaria Candela García Rodríguez

Skyline Pilabot

6º Primaria / CPI O Toural (Vilaboa)
4. Alumnado de 1º ciclo de educación secundaria Noa Crespo Sayar

Todo xira arredor da nosa responsabilidade

1º Secundaria / IES Carlos Casares (Vigo)
5. Alumnado de 2º ciclo de educación secundaria Shiva Eliska Alinda Nurhakim

EcoLinda’s Land

3º Secundaria / IES Perdouro (Burela)

O certame Pilabot, posto en marcha pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en colaboración cos xestores de pilas autorizados na Comunidade —Ecopilas, ERP e Ecolec—, busca fomentar a reciclaxe de pilas entre a comunidade escolar e as familias do alumnado, ao tempo que se facilita información e recursos didácticos para promover actitudes positivas que preveñan os problemas de contaminación que poden ser derivados se non se xestionan de forma adecuada.

 

Ademáis dos concursos, a campaña incluíu a realización de medio centro de talleres didácticos nos que o obxectivo era poñer en valor a importancia das pilas na vida diaria das persoas, facer fincapé na necesidade da súa reciclaxe e implicar ao conxunto da comunidade educativa na campaña. A iniciativa contou cunha excelente acollida, tanto por parte dos docentes como do alumnado.